Tuesday 17 de September de 2024

A Pobra saca á rúa os produtos de trece establecementos durante a fin de semana


Mandarina, Mi Barquito de Papel, El Armario de Mi Amiga, Fina Campaña, Burbujas, Paino Maina, Inés Marcos, Azafrán, Lusco Fusco e os artesáns e as artesás Noites de Datura, Flow de Meiga, Jéssica Tahim e Mil Colores. Estes son os 13 negocios que participan no Comercio na Rúa 2024; unha convocatoria que ten a praza do Emigrante como epicentro do 9 ao 11 de agosto.

O alcalde, José Carlos Vidal; a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo; e a edil dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos; foron os encargados de dar inicio a esta nova edición que busca incentiva-las compras no comercio de quilómetro 0 aproveitando o bo tempo e a afluencia de persoas na localidade polo verán. Deseguido, a atención pasou ao obradoiro de ópera e break dance, con Esperanza Mara e A Vella Escola, financiado pola Secretaría Xeral da Lingua dentro do programa FalaRedes.

Pero este non será o único taller de balde a impartir nestes días: tai-chi (no sábado 10, das 11.00 ás 12.00 horas, con Sergio García), bailes latinos (no sábado 10, das 21.00 ás 22.00 horas, con Tania Dorca), swing (no sábado 10, das 22.00 ás 23.00 horas, con Carlos Tomico), ioga (no domingo 11, das 11.00 ás 12.00 horas, con Punto Zen Yoga Estudio) e baile tradicional (no domingo 11, das 12.00 ás 13.00 horas, con Arrancadeira).

Tamén hai un stand de trocos de artigos.

O horario de apertura é no venres 9, das 20.30 ás 23.00 horas, e no sábado 10 e domingo 11, das 11.00 ás 23.00 horas.